Monday 20 de May de 2024

O xenocidio en Gaza centra a oitava edición do  encontro internacional Acampa pola Paz 


O concelleiro Gonzalo Castro presentou a programación, que se  desenvolverá entre o 7 e 9 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez 

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade,  Gonzalo Castro, presentou esta mañá a programación do oitavo encontro internacional  Acampa pola Paz, que terá lugar os días 7,8 e 9 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez. O  edil estivo acompañado por Xosé Abad, coordinador de Acampa pola Paz, e Rosa Ana García  López, deputada provincial. 

A cita promovida polo Goberno de Inés Rey achegará a cidadanía á dura realidade da infancia  e a mocidade refuxiada, que centra a programación deste ano. A proposta busca a reflexión  conxunta ao redor da urxente necesidade de defender os dereitos humanos e o dereito ao  refuxio. “Para este Goberno municipal a defensa dos dereitos humanos é unha prioridade e  máis se cabe na situación global actual, con conflitos abertos coma o que afecta ao pobo  palestino”, indicou Gonzalo Castro durante a súa intervención. 

A imaxe que ilustra o cartel desta edición é obra do fotógrafo palestino Majdi Fathi e amosa  a un neno recollendo entre as ruínas os seus libros e cadernos. Durante os tres días que dura  esta evento pasarán polos xardíns de Méndez Núñez relatoras convidadas como a ministra  de Mocidade e Infancia, Sira Rego, e a directora da UNRWA España, Raquel Martín. Tamén  participará a responsable de actividades médicas de MSF en Gaza, Ruth Conde, ou Vicente  Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save the Children. 

Programación variada e reivindicativa 

O certame contará cun simbólico memorial pola infancia asasinada en Gaza, que consistirá  nunha instalación colaborativa de máis de 1.000 elementos para renderlle homenaxe aos  máis de 14.000 nenos e nenas finados no conflito. Fronte a el, terá lugar o domingo 9 de  xuño, ás 12.00 horas, un minuto de silencio. De novo, levantarase no recinto un campo de refuxiados para concienciar as persoas visitantes da situación na que viven centos de  milleiros de homes e mulleres no mundo. Haberá visitas guiadas para o público xeral e para  colexios e institutos. 

Por outra banda, tamén haberá mostras fotográficas de gran formato. Ademais de Majdi Fathi,  conforman a nómina de fotoxornalistas convidados Ana Palacios, Diego Ibarra, Pedro  Armestre, Vicent Tremeau, Rodrigo Adb, Bruuno Thevenin e Marta Moreiras. As súas imaxes  permanecerán expostas nos xardíns ata o 30 de xuño. Tamén haberá dúas proxeccións, unha  delas o documental ‘M’ e outra a curtametraxe ‘Aunque es de noche’. Acampa pola Paz  contará nesta edición coas actuacións dos grupos Kreze, A Quinta de Do, Belém Tajes e os  músicos ucraínos Anna Haidukova, Myroslava Tatarchuk, Artem Matovka, Solomia Javchuk,  Ihor e Lida Popadiuk. 

O Concello da Coruña promove, un ano máis, as xornadas Acampa pola Paz. “A Coruña é  unha cidade aberta e tolerante, consciente da importancia de preservar os dereitos humanos,  e o Goberno de Inés Rey aposta por iniciativas que potencien valores que deberían ser os de  todas as persoas”, indicou Castro.

Deja un comentario